A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pon en marcha Formación Dixital, un programa de carácter gratuíto e 100 % en liña para capacitar en competencias dixitais a máis de 45.000 persoas de entre 14 e 74 anos ata o ano 2026.
O obxectivo do programa é impulsar a alfabetización dixital da sociedade galega, no marco da Estratexia Dixital 2030, facilitando o achegamento á tecnoloxía e a capacitación dixital da cidadanía para que poida desenvolverse con confianza e seguridade no contexto dixital actual.
O programa ofrece, neste momento, un curso de nivel intermedio, xa con inscricións abertas a través de formaciondixital.gal. A formación ten unha duración máxima de oito semanas e ofrece unha aprendizaxe guiada, con contidos formativos e actividades prácticas, ademais de sesións de acompañamento e titorías personalizadas con especialistas para resolver dúbidas e dificultades.
De acordo co Marco Galego de Competencias Dixitais, abrangue cinco eixos temáticos: información e datos, comunicación e colaboración, creación de contido dixital, seguridade e privacidade, e solución de problemas no entorno dixital.
A realización da formación permite adquirir competencias dixitais para resolver situacións cotiás como realizar trámites electrónicos ou interactuar coas administracións públicas, así como mellorar as posibilidades profesionais ou obter información de interese sobre ferramentas de ciberseguridade ou tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial.
Ademais, as persoas participantes obterán (se superan o 80 % das actividades avaliables) un diploma de aproveitamento emitido pola Amtega.
A formación, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Next Generation da Unión Europea), tamén servirá de base para preparar a Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix).
Con este programa, a Xunta de Galicia busca dar resposta ao compromiso de que o 70 % das galegas e galegos conten con competencias dixitais básicas en 2025, fronte ao 52,1 % actual, recollido na Estratexia Dixital 2030.