- Nun ano, o proxecto Formación Dixital superou as 10.000 inscricións para realizar unha formación en competencias dixitais intermedias que se completa en 8 semanas.
- As inscricións corresponden nun 69,18% a mulleres que escolleron Formación Dixital para reforzar os seus coñecementos nesta materia.
- O curso dirixido a toda a cidadanía a partir dos 14 anos é 100% en liña, gratuíto e serve para preparar o Certificado Galego de Competencias Dixitais.
Formación Dixital, o proxecto lanzado hai un ano pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), suma máis de 10.000 inscricións, que corresponden maioritariamente a mulleres. O curso, dirixido a toda a cidadanía a partir dos 14 anos, é 100% en liña, titorizado, gratuíto e serve ademais como preparación para a Certificación Galega en Competencias Dixitais (ComDix)
Este curso de nivel intermedio, integramente gratuíto por estar financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU), mantén as inscricións abertas na web www.formaciondixital.gal.
Titorizado e en liña
Formación Dixital combina contidos teóricos e actividades prácticas que o alumnado pode realizar ao seu ritmo, durante 8 semanas e co acompañamento dun titor/a.
O curso, ameno e atractivo, parte dun test de autodiagnóstico e remata cunha avaliación final. O percorrido formativo afonda en contidos de 5 áreas diferentes: xestión da información dixital; comunicación e colaboración; creación de contidos dixitais; benestar dixital; seguridade dixital e resolución de problemas.
Unha vez rematada a formación, as persoas participantes reciben un diploma acreditativo da Xunta cunha equivalencia de 250 horas e 10 ECTS.
O obxectivo de Formación Dixital, dirixido a 45.000 persoas, é impulsar a alfabetización da sociedade galega no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030, proporcionando as ferramentas necesarias para que toda a cidadanía adquira as destrezas dixitais precisas para desenvolverse con seguridade.